Entrevista a MILETH en Gallego sobre su inminente concierto el 5 de Abril. «Mileth invoca enerxías acústicas na Fundación Sales».

Entrevista realizada por ElSolodetransyl.

Mileth están no ecuador do seu “Ofertorio Acústico”, e a data no Xardín Botánico da Fundación Sales está a volta da esquina. Pídolle a Marcos que me conte como está a ser esta experiencia acústica. Ofertorio que comezou en xaneiro na Costa da Morte e rematará no Courel, o 17 de maio. Esta data é especial para os galegos, xa que celébrase o “Día das Letras Galegas” no que se conmemora a publicación de “Cantares Gallegos” (1863) de Rosalía de Castro.

Deixémonos de datos e datas e desfrutade da entrevista.

EST: O vindeiro 5 de abril será o voso concerto na Fundación Sales en Vigo, achégase a data, pero antes de centrarme neste día, contádeme como está a ser a experiencia do voso «Ofertorio Acústico». Levades 3 concertos, dous en Muxía, sendo un deles para un instituto, e o terceiro en Pontevedra. Que sensacións tedes destas tres datas? Como foi o concerto para os rapaces no instituto? Que idades tiñan? Tivéchedes algún coloquio despois do concerto con eles? Que feedback recibíchedes polos alumnos e profesores?

Marcos (Mileth): As sensacións son moi boas. En directo só tiñamos dúas experiencias previas en acústico e xusto esas boas sensacións foron as que nos levaron a organizar esta pequena xira. Foi divertido darlle unha nova visión aos temas, ademais que sempre está ben saír da zona de confort. Isto obrigounos a traballar poñendo énfase en recursos que nas versións orixinais dos temas quedan máis nun segundo plano. É contar unha mesma historia doutro xeito, e penso que o público así o entende e valora. Tamén nos dá a oportunidade de tocar en lugares aos que sería difícil acceder co formato habitual. E por suposto tamén é unha forma de poder seguir activos nos directos. Ao final gústanos tocar.

Respecto de ter como público a rapaces de secundaria, pois resultou ser coma un concerto máis. Había nervios, incertidume polo que ía acontecer… pero unha vez se acenden os focos, centrámonos na música. Tamén porque non viamos moito máis alá da primeira fila, e aínda que algún rapaz toqueou, foron moi respectuosos e cónstanos que a maioría escoitou e desfrutou do concerto. Mesmo moitos repetiron á noite. Logo tivemos un coloquio moi entretido onde constatas a importancia que ten levar outro tipo de músicas á rapazada, e máis se é en directo.

– Á marxe das diferenzas evidentes, é máis especial un formato acústico que un “normal”, ou ó revés? Estades máis a gusto nun formato que noutro?

Mileth é un grupo de metal, e aínda que ten moita importancia a parte folk e que temos moitos elementos acústicos, a nosa esencia é esa. Coido que todos estamos máis en sintonía co formato habitual porque é o noso rollo, pero tamén estamos moi cómodos neste novo elemento. Levalo a acústico permítenos unha experiencia máis inmersiva na música, danos a oportunidade de comunicarnos entre nós dunha forma máis directa e natural na que podemos escoitar todos os instrumentos dentro do escenario, así coma xogar coa expresividade e cas dinámicas dunha forma máis vivencial. A forza e intensidade que se transmite corporalmente nun concerto habitual aquí ten que pasar a un segundo plano, e a música é a que ten máis peso á hora de transmitir esa enerxía. Unha enerxía que muda e que transformamos para darlle outra sonoridade ás cancións. Son ambientes moi diferentes e ese sentir “máis ou menos especial” que podemos ter de xeito persoal penso que tamén depende do estado de ánimo no que te atopes ou das experiencias que rodean ao concerto, tanto antes coma durante e incluso despois do mesmo.

-Que público é máis esixente: alumnos dun instituto da Costa da Morte, un grupo de «heavies» nunha sala das Rías Baixas, ou unha «parroquia heavorra» dun festival folkie de Romanía?

De haber alguén esixente eses somos nós. Sempre intentamos dar o mellor porque somos os primeiros en intentar gostar do que facemos, e tamén somos conscientes de que, a pesar de haber sempre moitos condicionantes, somos os principais responsables de que o directo funcione. Logo, pois podes ter público máis contemplativo, máis silencioso, máis ruidoso ou máis interactivo e atolado, coma foi o caso do romanés.

Adoitamos bromear con que somos demasiado heavys para os folkies e demasiado folkies para os heavys, pero simplemente sempre haberá a quen lle gustes e a quen non, independentemente do clan ao que máis arrimes. Nós tivemos a gran sorte de haber pasado por festis moi diferentes e non atopar diferenzas significativas para falar de quen poda ser máis esixente. Cando estás metido no directo, as expectativas, os prexuízos, os pre-conceptos, os gustos musicais que poda traer a xente é algo moi particular e persoal e estes ás veces pasan a un segundo plano polo contexto de “música ao vivo”. Tennos pasado de estar en festis no que poderías pensar que non pintas nada no cartaz e logo durante o concerto ver que tes un público conectadísimo. E, ao revés, pasounos de estar nun festi máis do noso rollo e pasar “sen pena nin gloria” ata o punto que nin os da organización atinaban co nome nin na promo, nin no backstage, nin na caixa das pizzas que nos trouxeron. Chegamos a ler Mileth escrito ata de catro formas diferentes e ningunha correcta, hahaha. Di ti que iso é o de menos. Sexa cal sexa o contexto, ao final tes que ser honesto co que fas e tentar desfrutar no escenario. O resto pois xa non está nas túas mans e esa incertidume, a química, a conexión que se crea, ou non, é parte do encanto de facer música que se escapa un pouco do convencional.

-Non é habitual que unha banda non cobre entrada os menores de idade. Cal é a razón pola que comulgades con este tipo de «política» de entrada gratuíta cós rapaces?

A nosa idea é, sempre que se poda, facilitar o acceso á música ao vivo a toda a xente e no caso da rapazada, xa non é só facilitarllo a eles, senón ás familias, tanto a nivel de conciliación coma económico. Se tes que pagar os billetes de tres ou catro persoas a cousa dispárase, por exemplo. De todos xeitos, eu creo que é algo máis habitual do que parece.

-Se contamos o concerto na Kominsky en outubro do 2024, e o conciertiño de «Loquevigoesconde»,en xaneiro deste ano, máis os de Muxía e o de Pontevedra, fan un total de 5 concertos en acústico cada un deles cós seus respectivos ensaios. Van aparecendo ideas novas que poderían ser o berce dun novo traballo de Mileth?

Temos un bo banco de ideas! E das ideas nacen as cancións pero non se rematan, falta poñerse a traballar nelas. Fai falla tempo e centrarse, e no meu caso particular ambos elementos levan tempo supeditados a un momento vital demasiado disperso. Pero a idea é poñerse nalgún momento con iso.

-A cuestión anterior lévame á pregunta do millón de euros, despois de esta xira, cal é o futuro que lle espera a curto prazo a Mileth? Qué albiscades no horizonte da banda?

Agora mesmo cústame falar de futuro. Pero si, estamos valorando continuar co acústico despois do verán. Temos algunha proposta e xa de preparar un concerto, pois por que non aproveitar e facer algún máis? Ao final con este formato é máis doado moverse e, aínda que non sexa o mesmo, estamos a desfrutar con el. Pero xa se verá. En calquera caso parece que moito movemento de concertos non haberá, así que podería ser un bo momento para comezar a traballar nesas ideas. Máis agora que por fin volveremos ter a formación completa.

-Rematando, aínda quedan tres concertos desta xira do “Ofertotio Acústico”, cédovos este espazo para que contedes o que quedara no tinteiro ou convenzades a aqueles que estean indecisos para que acudan a calquera destas tres datas. Pola miña parte agradézovos o tempo invertido e vémonos na Fundación.

Ben, pois este concerto da Fundación Sales será un concerto un pouco diferente xa que se fará ao aire libre nun xardín botánico e coido que este Ofertorio acústico atopará neste marco un lugar ideal. Un xardín que ademais se poderá visitar antes do concerto e que seica é unha das xoias escondidas de Vigo.

Logo o 10 de maio tocaremos no Tronko Bar, a aldea gala do rock da cidade de Pontevedra. Un sitio estupendo no que logo haberá churrascada e concertos á noite. E remataremos o 17 de maio viaxando ás preciosas terras do Courel. Será unha fin de “mini-xira” perfecta, no día das Letras Galegas e nun lugar tan senlleiro coma é o Patio da Tola. Estamos a preparar algo especial para este día, xa que neste día se homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral da que tanto bebemos como galegos e como grupo.

Os lugares polos que fomos pasando e imos pasar son lugares especiais, con moito significado tanto a nivel cultural, coma paisaxístico ou natural, o que lle dá un punto aínda máis significativo ao tipo de espectáculo que levamos, moito máis centrado na mística, na lírica e no folclore no que se inspiran as cancións. É coma unha pequena compilación de contos e lendas musicado.

Moitas grazas pola túa entrevista e pola túa axuda e implicación neste próximo evento!

Deja un comentario